Santiago de Compostela é unha cidade que mantén coma poucas a relación co contorno natural. Desde case calquera punto da cidade ábrense perspectivas que descobren as verdes masas de arboredo dos parques urbanos, ou os prados e montes das proximidades.
A cidade aséntase entre dous montes principais, o monte Pedroso e o monte Viso, e está conformada por una serie de outeiros que continúan tamén nos arredores, elevacións que serven de miradoiros naturais sobre o núcleo urbano e a omnipresente Catedral.
Dous pequenos ríos, o Sar e o Sarela, circundan á cidade. Os sendeiros que discorren polas súas ribeiras, outrora ateigadas de muíños fluviais e de tradicionais fábricas de curtidos, xunto cos que percorren o parque forestal do monte Pedroso, os diversos Camiños de Santiago e as restantes sendas rurais, conforman unha rede de agradables paseos naturais aos que se chega facilmente andando desde o centro da cidade.
No tocante aos parques e espazos verdes, fala por si a superficie dedicada a ese uso: un total de 5 millóns de metros cadrados, o que supón unha media de 50m2 por habitante, superior á media europea, que fai de Santiago unha cidade de gran calidade ambiental e paisaxística que ten recibido múltiples recoñecementos medioambientais.
Pero Compostela é moito máis que o seu núcleo urbano: a superficie municipal total é de 223 km2, que fan de Compostela un dos municipios máis extensos de Galicia, no que se inclúen, ademais da zona urbana, 29 parroquias rurais. O municipio santiagués forma ademais parte da Área de Santiago, regada por dous dos principais ríos galegos, o Tambre e o Ulla, famosos polas súas troitas, escalos e salmóns, moi aptos para a práctica de múltiples deportes de río, e con estupendas praias fluviais e áreas recreativas a menos de 15 minutos da cidade.
Santiago de Compostela, capital de Galicia, está moi ben comunicada con todo este territorio de incontables ríos, moi salientables espazos de interese natural case dous mil km de costa, divididos en dous mares ben distintos: as tranquilas rías, de augas serenas e moi produtivas, e o océano aberto.
Comments