top of page

Saír de noite por Compostela



Pasear pola cidade iluminada, cear tranquilamente, conversar diante dunhas copas, asistir a algunha actividade cultural... Ou ir de viños e tapas aos lugares máis frecuentados, saíndo ao encontro dos composteláns, para descubrir as súas rutas e as súas rutinas cando cae o sol. Sempre hai locais abertos e posibilidades culturais para a noite. A diferenza doutras cidades, aquí é habitual saír de viños ou a ‘tomar unha’ incluso un domingo ou un luns. As rúas nunca están totalmente desertas, porque Compostela nunca dorme de todo.


O ambiente incesante débello a cidade á cantidade de xente nova que estudan ou traballan aquí, e en especial aos universitarios, responsábeis dos horarios e do ritmo de toda a cidade, que se levanta preguiceira e deitase tarde, en consonancia coa abundancia de locais nocturnos e de oferta cultural dispoñíbel.


Na noite de Compostela non é preciso desprazarse en coche, porque a cidade recórrese a pé facilmente, e paseala é moi agradábel e en absoluto inseguro. E iso é o que se fai aquí: andar dun local ao outro, visitando varios cada noite. A cidade e os transeúntes guían o rumbo.

bottom of page