Coa seguridade e as expectativas propias dunha obra de valor incalculable, a Biblia Kennicott regresou este novembro á súa casa: Galiza. Foi aquí onde esta xoia do patrimonio universal veu a luz no ano 1476, e onde desapareceu tras a expulsión dos xudeus de España. Considerada un dos manuscritos medievais máis fermosos do mundo e unha peza esencial da cultura xudaica, a viaxe desta obra a través dos séculos segue rodeada de misterio.
Ninguén sabe con certeza cal foi a súa traxectoria durante máis de trescentos anos ata que reaparece no 1771, cando é adquirida polo cóengo inglés Benjamin Kennicott. Desde entón convértese nun dos tesouros da Universidade de Oxford.
Por primeira vez as Bibliotecas Bodleian autorizan a súa exhibición en España e faino no marco de #GaliciaunRelatonoMundo, a primeira gran exposición internacional do #Xacobeo21 organizada pola Xunta de Galiza e que contou, para o traslado desta obra, coa colaboración da Fundación Hispanojudía. Desde esta mañá, a Kennicott ocupa xa o seu lugar protagonista no Museo Centro Gaiás, agardando a que a mostra abra as súas portas ao público o vindeiro 15 de novembro.
Comments